Ramón Piñeiro López acaparou todo o protagonismo no municipio que o viu nacer, Láncara, onde se lle tributou unha homenaxe coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas.
O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, esbozou o semblante deste singular galeguista durante a súa intervención na asemblea extraordinaria da Real Academia Galega, que se celebrou no centro multifuncional do concello. Nin a choiva nin a feira desdebuxaron os actos conmemorativos, que non se perderon o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nin a presidenta do Parlamento Galego, Pilar Rojo, o delegado do Goberno, Antón Louro, ou outros moitos alcaldes da comarca lucense.
“Era e é un campesiño ilustrado”. Así o describía unha densa disertación de Ramón Villares, quen tamén recalcou o papel do intelectual lancarino como o “dun pioneiro dunha nova idea de Galicia”. “A lingua é a sangue do espírito”, parafraseaba Villares na súa intervención sobre Piñeiro, do que bosquexou que foi “unha persoa modesta e dunha extracción humilde”.
Pola súa banda, Víctor Freixanes, presidente de Galaxia, editorial que fundou o homenaxeado, resumiu deste o concepto dunha Galicia “máis consciente de si mesma”.
Nun salón abarrotado transcurriu esta asemblea extraordinaria. Xa pola tarde, ás cinco, celebrouse a ofrenda floral, coa presenza tamén de familiares de Piñeiro, como o seu irmán Aníbal, que non faltou a ningunha das actividades programadas dende o venres.
Na súa intervención nestes actos, Núñez Feijóo salientou que esta era a súa primeira visita oficial a un concello dende que chegou á Presidencia da Xunta.