
O plenario da Real Academia Galega, reunido en sesión ordinaria, acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2009 a Ramón Piñeiro López (Láncara, 1915-Santiago, 1990).
Ramón Piñeiro naceu en Láncara (Lugo) o 31 de maio de 1915 e morreu en Santiago de Compostela o 27 de agosto de 1990. Segundo sinala a RAG, "a dedicación, total e desinteresada, da súa vida na defensa de Galicia e da súa cultura debe ser unha referencia moral indiscutible e necesaria cara ás novas xeracións".
Aínda que rematou a súa vida en Santiago, o seu concello natal, Láncara, ten moi presente a Ramón Piñeiro, que dá nome ao colexio da vila.
Ademais, Ramón Piñeiro é o nome elixido polas asociacións culturais da comarca de Sarria para os premios Facer País, que se entregan cada ano.